Dedicatoria:

Dedicado aos nenos e nenas do Colexio Público de Ponte Carreira (Frades) e aos da Escola do Vedral-Abellá, inspiradores e primeiros experimentadores de Chirlo Merlo. E a cantos nenos e nenas colaboredes con ilusión a dar nova vida a estas historias.

26/05/10

Canción-conto da letra "t": o zapateiro Tito


Canción-conto de presentación da letra "t": Tito é un zapateiro moi divertido porque mentres traballa fai música petando.
A súa zapatería parece unha orquestra. Sempre está chea de rapaces que o acompañan a cantar e tocar. Aquí todo vale para facer música. Calquera argallada convértese nun fabuloso instrumento...

[Podes ver a ilustración en cómic deste conto no Libro de Contos 1 e a motivación do conto na Guía Didáctica]

16/05/10

17 de maio: Uxío Novoneira e A Pita da escola de Os Prados-Cervantes-Lugo

No momento no que a rede de Galescolas pasou a chamarse A Galiña Azul, os responsables do tal cambio se cadra non percibiron que a galiña do conto de Carlos Casares era unha galiña moi especial: dicía cocorocó en vez de cacaracá, e ese era o motivo polo que a policía a tiña baixo vixilancia.
Con todo a Galiña Azul, que é un personaxe de ficíón, tivo un contrapunto absolutamente real: a Pita que comezou a poñer os seus ovos dentro dunha escola unitaria de Cervantes, nunha papeleira moi confortable para ela, ao parecer. Por ese motivo tanto os escolinos como a súa mestra acollérona en adopción, e ese foi o comezo dunha das experiencias pedagóxicas máis singulares no noso país.
Quen era a mestra desta pequena escola? Pois era Alicia López Pardo, que ademais foi quen de presentar esta experiencia real  nun libro delicioso feito en letra manuscrita e con traballos dos propios escolinos: A historia da pita que elixiu a nosa escola pra poñer.
Que tiña de especial esta Pita? Nós, a verdade, é que non saberiamos describilo con palabras. Pero Uxío Novoneira, que naquel momento non era alleo aos milagres que estaban a acontecer na escoliña de Os Ancares, plasmou o carácter da Pita nunha das primeiras páxinas da publicación, cun dos seus poemas:
A galiña dos Prados
sabe onde pór.
Libre de fados e mitos,
alle a poderes e inmediatos coidados,
non pon os ovos fritos
e só pro seu señor.
Sabe onde pór os ovos que dan pitos.
Uxío Novoneira


07/05/10

O Taller das Letras como variante do Banco de Palabras

Unha das posibilidades de partida para o traballo de lectura de cada conto en Chirlo Merlo son as frases-clave. Estas frases-clave deben ser motivadas dun xeito especial no momento en que a mestra lles relata o conto oralmente ás nenas e nenos. Se se segue este camiño, tamén sobre elas se realiza, por medio das diferentes fichas, un traballo de análise e desmiuzamento: vanse distinguindo as palabras, pásanse a distinguir as sílabas de cada palabra e chégase por último ás letras.
Feito este traballo, que tamén podería seguir unha orde inversa á que acabamos de dicir, as novas palabras traballadas que o escolino xa domina pasan a formar parte dun Banco de Palabras, que se vai facendo máis rico conforme se avanza na lectura de contos. E coas palabras acumuladas neste Banco, cada alumno pode volver a construír as frases de cada conto ou xogar a compoñer frases novas que invente, ou se lle propoñan.
Podería haber un Banco de Sílabas? Pois si.
E un Banco de Letras? Tamén.
E apontamos unha idea máis: este Banco pode ser un Banco colectivo, ubicado de forma permanente nun lugar específico da aula. Unha especie de Recanto das Letras ou Taller das Letras. Os materiais que proporciona Chirlo Merlo posibilítano.
Podemos visualizar aquí un exemplo, tendo en conta que só é unha das posibilidades: