22 marzo 2010

Pequena entrevista aos autores de Chirlo Merlo

A mediados de abril do ano 2008, unha estudante de Ciencias da Educación interesada en Chirlo Merlo (que identificaremos polas iniciais LLT) buscaba información de primeira man sobre este método que completase o traballo de investigación que estaba a facer. Obtivo esta información por medio dunha pequena entrevista realizada aos autores de Chirlo Merlo, que reproducimos a continuación:

Como, onde e por qué nace Chirlo Merlo?
A idea de elaborar Chirlo Merlo nace nun grupo de tres profesores/as de educación infantil do Colexio Público de Ponte Carreira, no Concello de Frades, aproximadamente no curso escolar 1984/85. O pequeno alumnado de infantil procedía na súa grande maioría do ámbito rural e utilizaba o galego como idioma normal e natural. Porén, os métodos que se ofrecían no mercado estaban todos en castelán agás unhas poucas excepcións que non enchían as nosas espectativas. Detectábamos a necesidade de dispoñer de materiais para poder ensinar a lectura e a escritura en galego moito máis sistematizados e cunha fundamentación máis natural, con raíces en Freinet. Foi así como tomamos a decisión de non utilizar os métodos existentes no mercado e de reunirnos diariamente, despois de rematada a xornada escolar, para elaborar fichas e contos que nos permitisen un ensino da lectoescritura máis acorde co que nós pensabamos. O material elaborado cada día era utilizado nos días posteriores cos alumnos, para o cal nos serviamos de fotocopias. Como se pode intuír, estas primeiras fichas eran moi artesanais e en branco e negro, pero podían ser coloreadas e redibuxadas polos pequenos, o que lles daba un encanto moi especial e un nivel de vivenciación que non se conseguía con fichas máis estándar. Así naceron, para os nenos, os primeiros libros de contos de Chirlo Merlo: fotocopias en branco e negro introducidas en fundas de folio con taladros para poderen ser encadernadas en carpetas de anelas. Pasado certo tempo, outros profesores e profesoras que tiñan inquedanzas parecidas ás nosas, interesáronse por estes materiais e quixeron utilizalos tamén nas súas escolas e nas súas aulas. Por esta razón, ao mesmo tempo que nós continuabamos o traballo para nós, comezamos a subministrar fotocopias do material xa elaborado a outros/as profesores/as. Este proceso foise incrementando e chegou un momento no que nos plantexamos a posibilidade de editalo, o cal supoñía para nós reelaboralo e, sobre todo, traballar cun grupo de colaboradores que poidesen testalo nas escolas para pulilo antes de presentar o Chirlo Merlo final.

10 marzo 2010

Canción-conto da becerriña


Canción-conto de presentación da letra "m": a becerriña de Marica e Manoliño xa vai un pouco medrada e quere ir ao monte para pacer coas outras vacas. Con todo, como é un pouco preguiceira, ás veces prefire mamar aínda dos tetos da súa mamá. Ao monte gústalle ir por ver máis mundo e aprender cousas novas. Mais un día pérdese...

 [Podes ver a ilustración en cómic deste conto no Libro de Contos 1 
e ler a motivación do conto na Guía Didáctica