Dedicatoria:

Dedicado aos nenos e nenas do Colexio Público de Ponte Carreira (Frades) e aos da Escola do Vedral-Abellá, inspiradores e primeiros experimentadores de Chirlo Merlo. E a cantos nenos e nenas colaboredes con ilusión a dar nova vida a estas historias.

23/12/11

Bo Nadal (que o merecemos ben)!

Instantánea do amencer do 25 de decembro de 2010 tomada por un debuxante afeccionado: o Apalpador é levado para a súa casa polo mesmísimo Chirlo Merlo despois dunha agotadora noite de traballo. Agardemos que este ano a Noite Boa sexa máis levadeira para o coitado Pandigueiro!

09/12/11

N' A Capela, os nenos xogan máis coas canicas ca cos Gormitis

Hai escolinos que xa se licenciaron en facer virar a peonza en todo tipo de superficies, dominan o futbolín, arrasan nos bolos e xogan á chave coa habelencia dun xubilado. O patio do recreo do CEIP
Mosteiro de Caaveiro é un mosaico no que as diferentes cores marcadas con xiz dan forma a un xigantesco taboleiro ao ar libre repartido en tres zonas nas que se pode xogar a 25 disciplinas tradicionais diferentes. Cando chove, os alumnos xogan a cuberto no pavillón e alí escollen entre o futbolín, as carrilanas ou unha bolera manual que resgataron dun bar que se desfacía dela e pensaba tirala.
O aro, a billarda, as bolas, os bolos, botar a china, as carreiras de sacos, as catro esquinas, as chapas, a chave, o peón, o pano, a corda, a goma, o cravo, as lombas, a mariola, os pelouros, os pes, a pita cega, a porca, a ra, tiro da corda, tres en raia, os zancos, a zorregada e o brilé son os 25 xogos infantís que o colexio capelán reuniu nunha guía que explica as regras que os seus 97 alumnos de 3 a 12 anos coñecen ben e apréndenlles aos recén chegados.
Ler a reportaxe completa en El País.

Lendo o texto anterior, entran gañas de voar ata o máis alto do ceo e facer cabriolas de contento. Por iso difundimos esta pequena reportaxe, publicada no diario El País: hai formas de vivir a infancia que parecen perdidas ata que alguén lles presta a suficiente atención e os suficientes coidados...
Ah...! E convidámosvos a visitar un lugar chamado Brinquedia!
 

26/10/11

Conto de presentación da letra "s": A pallasa Susi

Susi é unha pallasa que fai circo cos seus amigos: o oso, a osa, a raposa e o sapo. Cando lles fai este sinal:
-Sssssss...
 Todos saltan ao son do seu tambor.
Susana axúdalle a Susi. Ela tamén quere ensinarlle á súa cadeliña, a Pitusa, unhas cantas onadas para levala a facer circo...

Compositor: Fernando Fernández Picos

12/09/11

O mestre da II República que presentiu o futuro...

"De agora en diante, quen escolla a profesión de mestre, podendo seguir outros camiños, farao porque o impulse a súa vocación", asegurou Rodolfo Llopis, director xeral de Primeira Ensinanza entre 1931 y 1933. Ás ordes de Marcelino Domingo, ministro  de Instrución Pública neses anos, Llopis puxo en marcha unha ambiciosa reforma na formación dos docentes que pretendía afastar aos mediocres do Maxisterio e dotar a recén nada República da mellor xeración de mestres [...]
Ler o artigo completo en El País.

Curtas de animación para axudar a aprender o galego

Os sete cabritos, A porta que trota e Fiz, o coleccionista de medos son os títulos de tres curtas de animación infantil que foron editados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en DVD e desenvolvidos por OQO Editora. Cada un destes contos conta, ademais, cunha proposta didáctica dirixida á etapa de Educación Infantil para favorecer a aprendizaxe en galego das nenas e nenos.
Estas tres historias audiovisuais están accesibles tamén desde a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Mais, para acurtarvos o camiño, nós tamén as poñemos aquí ao voso dispór.
Que as disfrutedes.


Os Sete Cabritos (descargar proposta didáctica en PDF)


A Pota que Trota (descargar proposta didáctica en PDF)


Fiz, o coleccionista de medos (descargar proposta didáctica en PDF)

08/06/11

Onde está o material impreso de Chirlo Merlo?

Autores e colaboradores de Chirlo
Merlo no empaquetado e embala-
do dos libros e fichas, nun dos tras-
lados para salvalos de seren des-
truídos.
Os contos e fichas de Chirlo Merlo foron nacendo aos poucos: comezaron a ser elaborados diariamente por tres profesores de educación infantil no colexio de Pontecarreira ao longo do curso 1985/86. A razón para realizar este traballo era a inexistencia no mercado de métodos de lectoescritura en galego con base na motivación natural de Freinet e coas raíces fincadas na cultura infantil e oral tradicional. Debido tamén a esta inexistencia, outros profesores interesáronse por aquelas fichas e materiais artesanais, fotocopiáronos e utilizáronos tamén na súa práctica diaria, analizaron os seus resultados e realizaron tamén as súas achegas. E nesta crecente comunidade de usuarios foise percibindo a necesidade de difundilos a unha maior escala, ao que habería que engadir o interese mostrado polo ICE da Universidade de Santiago de Compostela e o apoio que tivo por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística...
Ir Indo publicou Chirlo Merlo no ano 1991. Houbo unha forte implicación dos seus comerciais para dalos a coñecer nos colexios, organizar charlas para o profesorado, explicar a súa metodoloxía e os seus recursos... contando sempre coa dispoñibilidade dos que traballaron na súa creación. Pódese afirmar, sen dúbidas, que foi un esforzo altruista e comprometido, que chegou moito máis alá do traballo propio dun comercial... Con todo, e pasados uns poucos anos, Ir Indo muda a súa liña editorial e decide deixar de publicar material didáctico. Para facer lugar nos seus almacéns a novas publicacións, opta por enviar a reciclar todo o material de uso escolar que editou, entre eles todos os libros e fichas de Chirlo Merlo.
As toneladas de material de Chirlo Merlo foron salvadas polos seus propios autores, que costearon o seu translado, e grazas á colaboración de amigos e coñecidos que cederon desinteresadamente espazo nas súas vivendas e noutros locais para serviren de almacén. Esta reubicación xa se levou a efecto en tres ocasións, sempre coa esperanza posta en que aquelas/es profesoras/es interesadas/os en traballar co método en galego Chirlo Merlo puidesen seguir facéndoo. E así foi ao longo de varios cursos escolares, mais a súa retirada da venda directa en librerías foi invisibilizando a súa existencia.
Nesta circunstancia, os autores chegan a un acordo coa empresa de distribución Grialibros S.L., que se fai cargo de ter un pequeno stock de libros de Chirlo Merlo para a súa distribución baixo pedido e a un prezo mínimo que só compense os gastos. Paralelamente créase este blog para dar a coñecer e difundir a existencia destes materiais.
Chirlo Merlo non naceu, pois, como un produto comercial máis, non funcionou como un produto comercial máis e non se difunde como un produto comercial máis. Ao contrario: a súa existencia débese a moito traballo desinteresado e a moita vontade altruísta de xente moi diversa.
Se tes curiosidade por coñecer un pouco máis sobre Chirlo Merlo, solicítanos por e-mail unha Guía Didáctica: enviarémola gratuitamente. E se xa o coñeces e desexas continuar traballando con el, solicita os libros e fichas a Grialibros S.L., ben directamente ou a través dalgunha librería (indicándolle que os distribúe Grialibros S.L.).
Nada nos agradaría máis que todo o esforzo realizado puidese ser de utilidade para ti!

16/04/11

Canción-conto de presentación da letra "d": o xigante Dedolo

O xigante Dedolo ten un dedo máxico: o dedo furabolos da man esquerda. É un dedo enorme, ninguén ten un dedo tan grande coma el. Por ter o dedo tan grande chámanlle así: Dedolo.
Con ese dedo tan grande, Dedolo pode facer cousas marabillosas...
Compositor: Fernando Fernández Picos

27/03/11

Cadernos de pauta ancha

Calquera escolino precisa adestrar paulatinamente a motricidade fina das mans para chegar a escribir correctamente cunha caligrafía xeitosa.
Chirlo Merlo tén en conta o debuxo espontáneo dos/as nenos/as, realiza un traballo máis sistematizado co Caderno de Grafomotricidade e as fichas de escritura e ofrece finalmente cadernos pautados, baseados tamén na pauta Montessori.
Os primeiros cadernos posúen pautas anchas. Son útiles para o adestramento da escritura e do grafismo en alumnado que está finalizando a Educación Infantil, que estuda no primeiro ciclo de Educación Primaria ou que precisa apoio: a pauta Montessori ancha proporciona referencias claras para a letra manuscrita e, ao posibilitar escribir con trazos máis grandes do habitual, facilita o camiño na maduración da motricidade fina.
Ah! E poden ser utilizados con calquera método de lectoescritura...!
Alguén dá máis?

03/03/11

As primeiras mestras

No século XVIII, a penas o 1% da poboación feminina sabía ler e escribir. A educación era un privilexio ao alcance de moi poucos homes e practicamente vetada á muller. Os nenos ricos tiñan un titor e as nenas unha institutriz que as adestraba para o seu futuro papel de esposas e nais... Pero a finais do século XVIII un pequeno grupo de ilustradas ferrolanas...
[Ler o artigo completo en El País]

17/02/11

Batería de avaliación de competencia na linguaxe

De esquerda a dereita: Paula Outón,
Lois Ferradas e Andrés Suárez
Foto Alfonso  
 Cando os escolinos comezan a ler, aprenden a ritmos moi diferentes. En idades temperás, as diferenzas madurativas dos nenos e nenas dun mesmo grupo poden ser grandes. A isto súmase que pode haber tamén diferenzas de case un ano entre os alumnos e alumnas dunha mesma clase. As profesoras e profesores soen resumir estas e outras circunstancias cunha frase parecida a: "as nenas e os nenos aprenden cada un ao seu ritmo".
Poderíase determinar un "estándar" na aprendizaxe da lingua escrita? Sería posible detectar os retrasos na aprendizaxe da lectura e da escritura en escolinos de primeiro de primaria utilizando un instrumento de observación obxectivo?
Este polo menos é o intento dun grupo de investigación da USC dirixido polo profesor Andrés Suárez Yáñez. O traballo realizado por este equipo foi presentado con detalle o pasado día 16 de febreiro na Facultade de Pedagoxía e foi publicada unha recensión no Xornal da USC. Consiste nun conxunto de ferramentas que permitirían avaliar e detectar as competencias lingüísticas dos escolares que finalizan primeiro de Educación Primaria.
É un proxecto que aporta material novidoso, elaborado con rigor e detalle, e feito desde o noso país. Agardamos poder velo publicado, coa esperanza de que tamén sexa de utilidade para os que somos profesorado "de a pé".
__________
Máis información na pequena reportaxe que tamén fixo o xornal Galicia Hoxe.

01/02/11

Canción-conto de presentación da letra "n": Nomo e os ananos

No bosque de Chirlo Merlo viven uns ananos moi animados. Nomo é o máis vello. É un gran músico, el é o que dirixe a banda dos ananos.
Todos os días ao amencer, fan unha marcha para espertar os habitantes do bosque...

Compositor: Fernando Férnández Picos

07/01/11

Marga Alborés: "Aprender a escribir ten que ser un proceso tan natural coma falar"

"Tras trinta anos aprendendo os nenos a ler e escribir, Marga Alborés sintetizou nun conto todos os conceptos, actitudes e destrezas que a aprendizaxe da escrita require. Historia das letras é un método para usar tanto no ámbito escolar como familiar". Así comeza unha entrevista a Marga Alborés, profesora no CEIP Pío XII de Santiago de Compostela, publicada no xornal Galicia Hoxe.
A experiencia de elaborar materiais propios para aprender a ler e a escribir aos escolinos en galego é un aspecto común a unha chea de profesionais. Non é de extrañar, dada a rareza no mercado de métodos deseñados con esta finalidade específica desde o noso País. Tamén é verdade que na maior parte dos casos estes materiais creados son utilizados só polo/a docente que os elabora ou, como moito, son compartidos polo seu equipo de compañeiras/os.
Desde Chirlo Merlo coidamos que cómpre fomentar o intercambio de ideas, de experiencias, de recursos... Crear unha comunidade de intereses comúns e aproveitar as sinerxias que espontaneamente aparezan. Isto é o que nos move a contribuír á divulgación desta entrevista a Marga Alborés, á parte de que coincidamos de cheo co que ela expón nas súas atinadas respostas.
Para ler a entrevista completa, pica aquí.