Dedicatoria:

Dedicado aos nenos e nenas do Colexio Público de Ponte Carreira (Frades) e aos da Escola do Vedral-Abellá, inspiradores e primeiros experimentadores de Chirlo Merlo. E a cantos nenos e nenas colaboredes con ilusión a dar nova vida a estas historias.

08/06/11

Onde está o material impreso de Chirlo Merlo?

Autores e colaboradores de Chirlo
Merlo no empaquetado e embala-
do dos libros e fichas, nun dos tras-
lados para salvalos de seren des-
truídos.
Os contos e fichas de Chirlo Merlo foron nacendo aos poucos: comezaron a ser elaborados diariamente por tres profesores de educación infantil no colexio de Pontecarreira ao longo do curso 1985/86. A razón para realizar este traballo era a inexistencia no mercado de métodos de lectoescritura en galego con base na motivación natural de Freinet e coas raíces fincadas na cultura infantil e oral tradicional. Debido tamén a esta inexistencia, outros profesores interesáronse por aquelas fichas e materiais artesanais, fotocopiáronos e utilizáronos tamén na súa práctica diaria, analizaron os seus resultados e realizaron tamén as súas achegas. E nesta crecente comunidade de usuarios foise percibindo a necesidade de difundilos a unha maior escala, ao que habería que engadir o interese mostrado polo ICE da Universidade de Santiago de Compostela e o apoio que tivo por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística...
Ir Indo publicou Chirlo Merlo no ano 1991. Houbo unha forte implicación dos seus comerciais para dalos a coñecer nos colexios, organizar charlas para o profesorado, explicar a súa metodoloxía e os seus recursos... contando sempre coa dispoñibilidade dos que traballaron na súa creación. Pódese afirmar, sen dúbidas, que foi un esforzo altruista e comprometido, que chegou moito máis alá do traballo propio dun comercial... Con todo, e pasados uns poucos anos, Ir Indo muda a súa liña editorial e decide deixar de publicar material didáctico. Para facer lugar nos seus almacéns a novas publicacións, opta por enviar a reciclar todo o material de uso escolar que editou, entre eles todos os libros e fichas de Chirlo Merlo.
As toneladas de material de Chirlo Merlo foron salvadas polos seus propios autores, que costearon o seu translado, e grazas á colaboración de amigos e coñecidos que cederon desinteresadamente espazo nas súas vivendas e noutros locais para serviren de almacén. Esta reubicación xa se levou a efecto en tres ocasións, sempre coa esperanza posta en que aquelas/es profesoras/es interesadas/os en traballar co método en galego Chirlo Merlo puidesen seguir facéndoo. E así foi ao longo de varios cursos escolares, mais a súa retirada da venda directa en librerías foi invisibilizando a súa existencia.
Nesta circunstancia, os autores chegan a un acordo coa empresa de distribución Grialibros S.L., que se fai cargo de ter un pequeno stock de libros de Chirlo Merlo para a súa distribución baixo pedido e a un prezo mínimo que só compense os gastos. Paralelamente créase este blog para dar a coñecer e difundir a existencia destes materiais.
Chirlo Merlo non naceu, pois, como un produto comercial máis, non funcionou como un produto comercial máis e non se difunde como un produto comercial máis. Ao contrario: a súa existencia débese a moito traballo desinteresado e a moita vontade altruísta de xente moi diversa.
Se tes curiosidade por coñecer un pouco máis sobre Chirlo Merlo, solicítanos por e-mail unha Guía Didáctica: enviarémola gratuitamente. E se xa o coñeces e desexas continuar traballando con el, solicita os libros e fichas a Grialibros S.L., ben directamente ou a través dalgunha librería (indicándolle que os distribúe Grialibros S.L.).
Nada nos agradaría máis que todo o esforzo realizado puidese ser de utilidade para ti!