Dedicatoria:

Dedicado aos nenos e nenas do Colexio Público de Ponte Carreira (Frades) e aos da Escola do Vedral-Abellá, inspiradores e primeiros experimentadores de Chirlo Merlo. E a cantos nenos e nenas colaboredes con ilusión a dar nova vida a estas historias.

22/03/10

Pequena entrevista aos autores de Chirlo Merlo

A mediados de abril do ano 2008, unha estudante de Ciencias da Educación interesada en Chirlo Merlo (que identificaremos polas iniciais LLT) buscaba información de primeira man sobre este método que completase o traballo de investigación que estaba a facer. Obtivo esta información por medio dunha pequena entrevista realizada aos autores de Chirlo Merlo, que reproducimos a continuación:

Como, onde e por qué nace Chirlo Merlo?
A idea de elaborar Chirlo Merlo nace nun grupo de tres profesores/as de educación infantil do Colexio Público de Ponte Carreira, no Concello de Frades, aproximadamente no curso escolar 1984/85. O pequeno alumnado de infantil procedía na súa grande maioría do ámbito rural e utilizaba o galego como idioma normal e natural. Porén, os métodos que se ofrecían no mercado estaban todos en castelán agás unhas poucas excepcións que non enchían as nosas espectativas. Detectábamos a necesidade de dispoñer de materiais para poder ensinar a lectura e a escritura en galego moito máis sistematizados e cunha fundamentación máis natural, con raíces en Freinet. Foi así como tomamos a decisión de non utilizar os métodos existentes no mercado e de reunirnos diariamente, despois de rematada a xornada escolar, para elaborar fichas e contos que nos permitisen un ensino da lectoescritura máis acorde co que nós pensabamos. O material elaborado cada día era utilizado nos días posteriores cos alumnos, para o cal nos serviamos de fotocopias. Como se pode intuír, estas primeiras fichas eran moi artesanais e en branco e negro, pero podían ser coloreadas e redibuxadas polos pequenos, o que lles daba un encanto moi especial e un nivel de vivenciación que non se conseguía con fichas máis estándar. Así naceron, para os nenos, os primeiros libros de contos de Chirlo Merlo: fotocopias en branco e negro introducidas en fundas de folio con taladros para poderen ser encadernadas en carpetas de anelas. Pasado certo tempo, outros profesores e profesoras que tiñan inquedanzas parecidas ás nosas, interesáronse por estes materiais e quixeron utilizalos tamén nas súas escolas e nas súas aulas. Por esta razón, ao mesmo tempo que nós continuabamos o traballo para nós, comezamos a subministrar fotocopias do material xa elaborado a outros/as profesores/as. Este proceso foise incrementando e chegou un momento no que nos plantexamos a posibilidade de editalo, o cal supoñía para nós reelaboralo e, sobre todo, traballar cun grupo de colaboradores que poidesen testalo nas escolas para pulilo antes de presentar o Chirlo Merlo final.
Qué ámbito de aplicación tivo e/ou ten o método (rural, urbano...)?
Como se pode deducir da resposta á pregunta anterior, o material naceu no colexio dunha pequena vila de contorno rural. Pero foi aplicado tamén por profesores que traballaban en contornos urbanos, sen que se notase diferenza. Realmente non tiña por qué habela: os protagonistas dos contos eran animais e as historias que lles acontecían baseábanse en problemas cotiáns que mesmo suceden na convivencia diaria dos pequenos, polo que estes podían asumilas e vivencialas con facilidade. Era un factor máis a favor da motivación. Pode servirnos de exemplo o caso de Walt Disney, que creou centos de historias que teñen a animaliños (en exclusiva!) como protagonistas, sen que isto sexa un impedimento para que sexan aceptados a admirados en contornos urbanos.

Que nivel de repercusión alcanzou (ou está alcanzando)
Non podemos dar datos da súa repercusión en canto a extensión. Sabemos que foi utilizado por un número considerable de profesores/as das catro provincias polos informes de ventas que presentaba a editorial. Do que sí podemos falar é da repercusión que tivo no labor profesional de moitos profesores/as que nos manifestaron ser un método terriblemente motivador e eficaz, ata tal punto que os pequenos aos que lles daban clase arrancaban a ler sen necesidade de levar o método ata o seu final: normalmente os nenos, ao finalizar o Libro de contos dous, xa se introducían noutras lecturas diferentes sen necesidade de continuar co Libro de contos tres (que era o que traballaba precisamente as sílabas máis complicadas). Bastantes destes profesores continuaron solicitandonos a nós o material durante un periodo de tempo no que estivo ausente das librarías, ao deixar de ser distribuídos por Ir Indo. Hoxe a súa distribución corre a cargo de Distribucións Grial, pero sabemos que aínda hai profesores que, pensando que xa non se comercializan, seguen a traballar cos materiais a partir de fotocopias...

En que se basearon para crear os personaxes dos contos e as propias historias?
Esta pregunta debería que ser contestada por Alicia López Pardo, a “alma mater” de Chirlo Merlo, pois as historias e os personaxes deste método foron tomando vida a partir da súa enorme creatividade. Creatividade que soubo beber das fontes da súa propia e rica experiencia desde pequena no contorno familiar, da tradición oral compartida con amigos e coñecidos e tamén dun bo coñecemento do material que había publicado no mercado sobre estes temas.

De onde xorde a idea do banco de palabras?
Chirlo Merlo defínese como un método global-fonético. Da metodoloxía global quere aproveitar o feito de que os pequenos lean desde o comezo palabras enteiras con significado. Da metodoloxía fonética quere aproveitar que se vaian presentando pouco a pouco novas letras e fonemas seguindo unha secuencia de crecente dificultade. Todo isto inmerso dentro dun conto motivador, reforzado con cancións, ditos, adiviñas… Con cada novo conto, o alumno vai sendo capaz de identificar algunhas palabras novas, coas cales é capaz de construír pequenas frases (o que nós chamamos frases-clave) no caderno de fichas. A idea do banco de palabras baséase na necesidade de poder utilizar todas as palabras que o pequeno vai aprendendo ao longo do método para poder formar frases libremente escollendo entre todas elas, e non limitándose só ás que lle son presentadas en cada conto.

Os pictogramas que aparecen no método foron creados en consenso con algún grupo de nenos?
Se cadra habería que facer un combinado da palabra “consenso” (como intercambio de ideas entre varias persoas, despois do cal se chega a un acordo común) coa palabra “interacción” (debuxar cada pictograma sobre unha idea previa e facer pequenas modificacións en función das reaccións dos/as nenos/as). Os pictogramas foron creados pouco a pouco, paulatinamente en función das necesidades da expresión escrita que se detectaban ao traballar cos nenos. É sabido que un pictograma representa unha idea, non un fonema. Neste sentido, os substantivos son as ideas máis facilmente representables (neno, nena, casa,…), pero tropezamos con máis dificultades para representar outro tipo de palabras como os verbos (ir, caer,…) o cal incrementa o nivel de abstracción dos símbolos. Para que un grupo de nenos adopte un conxunto de pictogramas con significado, hai que comezar por símbolos sinxelos para, unha vez interiorizada a mecánica por parte dos pequenos, interactuar con eles na busca dos símbolos que representarían outras ideas máis abstractas. Como se pode comprender, os símbolos representados nos pictogramas é significativo para o grupo de nenos/as cos que se traballou, pero pode non ter significado ningún para outro grupo diferente. Esta é a razón pola que a cantidade de pictogramas que se ofrecen no método xa elaborados non é moi numerosa. Contén un mínimo como para comezar a traballar na idea de lectura de símbolos moi simples, pero no traballo diario pódese chegar a niveis moi elevados de abstracción. Quen tería que dicir sobre o traballo con pictogramas é Miguel Rodríguez Carnota, que fixo a este nivel un traballo precioso cos seus alumnos de infantil nunha escola unitaria dun lugar denominado Vedral. Chegaron a pictografiar pequenos poemas.

Chirlo Merlo afonda, moi atinadamente, no folclore popular. Por que é tan importante que os nenos se poñan en contacto con estas manifestacións culturais desde pequenos?
Creo que hai que cambiar o xeito de formular esta pregunta. A situación real é que os nenos e as nenas xa viven inmersos desde bebés nas diversas formas de manifestarse a cultura na que viven: nanas, cantos de berce, xogos, adiviñas,… O problema que tiña a escola tradicional era que creaba unha distancia entre o ensino e a vida real porque todo este tipo de manifestacións da vida do/a neno/a quedaba fóra dela. Un dos logros da escola moderna foi conseguir superar esa distancia ao considerar que o/a neno/a, cando chega á escola, xa é portador de moitos coñecementos e que había que telos en conta para conseguir un ensino máis motivador e vivenciado. Se Chirlo Merlo aproveita todas estas pequenas manifestacións do folclore (cultura) popular é porque se encadra dentro deste cambio de paradigma. Os resultados na motivación dos/as pequenos/as foron (e son) máis que evidentes.
LLT

Moitísimas grazas, Lucía.

Ningún comentario: