Dedicatoria:

Dedicado aos nenos e nenas do Colexio Público de Ponte Carreira (Frades) e aos da Escola do Vedral-Abellá, inspiradores e primeiros experimentadores de Chirlo Merlo. E a cantos nenos e nenas colaboredes con ilusión a dar nova vida a estas historias.

23 febreiro 2010

Aprender a ler co formato de cómic

Unha das apostas fortes de Chirlo Merlo, como método para a aprendizaxe da lectura, é a de presentar os contos co formato de banda deseñada. Chirlo Merlo ten en conta o contorno e as vivencias dos pequenos, a cultura popular para a infancia que se expresa en xogos, cantarelas, rimas e adiviñas... E tamén que a lectura non comeza polo código alfabético: hai un traballo previo de "lectura" da realidade, de lectura de imaxes, de lectura de pictogramas...
Chirlo Merlo, así mesmo, parte da idea de que a lectura debe de ser significativa desde o comezo: parte da lectura de pequenas historias mudas en banda deseñada para pasar á lectura de pictogramas. Neste proceso, as primeiras letras son introducidas como un pictograma máis que ten un significado concreto no contexto da historia que se conta. E a historia cóntase en imaxes que integran o resto dos códigos.
Isto non é falar de banda deseñada, de cómics? Si. Plenamente. Pódese comprobar examinando os nosos libros de contos.
Seremos o primeiro método de lectoescritura en cómic?


 


13 febreiro 2010

Canción-conto do ratiño


Canción-conto de presentación da letra "i": ao pé da árbore na que o moucho tiña o seu lar, moraba tamén o ratiño. O rato saíu da árbore para dar un paseo pola eira, e nese momento bateu o burro Trotón co tronco, unha pola podre esgazou e foi caer xusto riba do seu rabo...


[Podes ver a ilustración deste conto no Libro de Contos 1
e ler a motivación do conto na Guía Didáctica]

03 febreiro 2010

Sobre a aprendizaxe da lectoescritura

É a aprendizaxe da lectoescritura un proceso mecánico?
Consiste simplemente en memorizar asociacións entre letras e sons e aprender a combinalos?
A profesora Telma Weisz, doutora en psicoloxía da aprendizaxe pola Universidade de São Paulo (Brasil) e referente en traballos de alfabetización nese país, ofrece unha perspectiva moito máis interesante: os nenos e as nenas son suxeitos activos da súa propia aprendizaxe e poñen en marcha procesos cognitivos complexos cando aprenden a ler e a escribir.
Ofrecemos hoxe a primeira parte dun interesantísimo vídeo (en portugués do Brasil) no que fala dos procesos de adquisición da lectura e da escritura: