MÚSICAS
(Contos 2)


Nesta páxina atoparás os audiocontos correspondentes ás historias que se narran no Libro de Conto 2 para continuar a presentación das letras. Podes ver as ilustracións de cada historia nese libro, e ler a motivación para traballar con ela na Guía Didáctica.

Todas as cancións foron compostas polo músico Fernando Fernández Picos.

CANCIÓN-CONTO
MANOLIÑO VAI DE PASTOR


A Manoliño góstalle moito ir ao monte co seu gando. As vacas lévaas ao prado e pácenlle elas soas, non ten que coidalas. Pero as ovellas e máis o burro, cando os leva ao monte a pacer, Manoliño fai de pastor. Pero o burro Trotón non tén acougo e...
CANCIÓN-CONTO
O XULIO, A UXÍA E O MIXO


Xulio é o curmán de Manoliño. É moi traballador. Pola semana pasa o tempo facento xerras e xarróns de barro no taller que ten na casa e o venres vainos vender á feira da vila. Aquela semana había moitas festas nas aldeas da contorna e Xulio foille pedir prestado o burro a Manoliño para poder levar máis mercancía xunta. Manoliño deixar deixoullo, mais o que non estaba de acordo era o burro...
CANCIÓN-CONTO
A CHOLA, A CHIPA E O CHUCHO


Na casa da Chola e da Chipa teñen moitas galiñas. Tamén teñen un cadeliño chamado Chucho, que non pode parar de facer algunha estrucia. A de hoxe foi fresca: mentres elas lles botaban os grans ás pitas, o Chucho subiu ao tellado cun caldeiro de auga e zoupóullela mentres dicía:
-Chove, chove!
A Chola púxose a rifarlle ao Chucho, pero...

CANCIÓN-CONTO
SABELIÑA E O LOBO ÑAÑUDO


A Sabeliña fai moi boas migas con todos os animais do bosque. Un amigo moi especial é o lobo Ñañudo.
O lobo Ñañudo é o máis velliño de todos os habitantes do bosque. Todos o respectan e é o animal máis sabio da aldea. O problema é que de tan velliño xa lle caeu toda a dentamia. Pásao fatal para se manter porque só pode imbar cousas brandiñas.
Os seus amigos do bosque non atopan cousas amolecidas para lle levar de comer. Quen se ocupa diso é a Sabeliña, que lle leva algo todos os días.
E... por que lle chamarán Ñañudo?
CANCIÓN-CONTO
A HIPA DÁLLE O HIPO


O Chucho segue coas súas falcatruadas e a de hoxe foi moi gorda. Mentres a Chola e a Chipa lle estaban dando de comer ás pitas, achegouse silandeiro e colgouse do cesto da Chipa. Queríalle meter un susto e... meteullo ben gordo porque coa forza que fixo tiroulle o cesto ao chan. Á Chipa colleuna tan de súpeto que non podía falar. Quedou mudiña de todo con aquela impresión tan forte, e só podía dicir:
-Hip, hip, hip!
Quedará muda para sempre? Haberá que lle cambiar o nome?
CANCIÓN-CONTO
O MILLO DA SABELIÑA


A Sabeliña ten unha leira de millo preto da súa casa. Nesta leira dáse moi ben o millo, e á Sabeliña encántalle escoitar o asubío que fan as follas do millo ao abanear co vento.
Pero estes días a Sabeliña anda algo inqueda porque sente ruxir algo entre o millo. Por moito que mira e mira, non sabe que causa ese ruxir... E o peor é que cada día desaparece unha mazaroca...
Quen é o pillabán que llo rouba?
CANCIÓN-CONTO
O FUFIÑO E A SÚA FAMILIA


Na aldea de Chirlo Merlo, perto da casa da Sabeliña, vive a familia Fufú: o pai Fufo, a nai Fufa e o fillo, o Fufiño.
O Fufiño é un furafollas. Pasa o día facéndolle aduanadas ao ratiño por entre o millo. Agóchase entre as canas e o ratiño non o endelga.
O ratiño, así, anda sempre escurruxido, mirando o xeito de darllas ao Fufiño. Xa aprendeu trampas moi chuscas...
CANCIÓN-CONTO
A FAMILIA ZAPETA


A nai Ceci e o pai Zuzo andan decote xeniudos cos seus fillos Cila e Zalo, porque só pensan en facerlles bribonadas a seus pais. Encántalles poñelos alporizados para despois facelos rir. Agora ben, as bromas ás veces son un pouco pesadas e os pais enfádanse máis da conta.
O que máis chispa lle ten á Cila e ao Zalo é agocharlles as cousas a seus pais...
CANCIÓN-CONTO
O GUGOLIÑO E OS SEUS AMIGOS


Os nenos e nenas de Chirlo Merlo pasábano moi ben na súa aldea. Por nada do mundo quererían vivir noutro lugar. Sen embargo un día, na escola, decidiron que tiñan que coñecer outros lugares diferentes: as vilas mariñeiras, as cidades...
Aquel verán, nada máis comezar as vacacións, colleron as tendas de campaña e foron pasar uns días a unha vila da costa. Claro que... non sabían nada de pesca, nin dos animais e plantas do mar, nin de lanchas...
E, nada máis chegar, fixéronse moi amigos dun neno daquela vila: o Gugoliño...
CANCIÓN-CONTO
A CASA DOS CASCABULLAS


A Ceci e o Zuzo tiñan unhas aves moi especiais. O galo Quirico é moi estirado e parece que sabe de todo. A súa parella, a galiña Cacatuxa é unha remangada.
Un día compraron na feira un galo moi pouco espilido ao que chamaron Quequefago e unha moi feble galiña á que chamaron Cocoliña.
A Cila e o Zalo seguían coas súas trasnadas e bromeaban continuamente coas galiñas e cos galos. A Ceci fartouse de tanta broma coas pitas e mandou a galos e galiñas vivir á casa vella...
Tal era o barullo que había naquela casa, que na aldea de Chirlo Merlo coñecíana xa como...

Ningún comentario: