09 xuño 2010

Da imaxe ao signo gráfico da escritura

O número 3 da  Revista Waldorf-Steiner Educación, publicado no ano 2006, contén un texto referido á pedagoxía Waldorf que podemos facer plenamente noso e que reproducimos a continuación:


"A [...] evolución do neno dependerá moito de se a personalidade dos docentes consegue configurar a transición do traballo manual ao traballo mental coas forzas da memoria, da representación e do pensamento; de xeito que o neno non sinta que se está a apelar unilateralmente á cabeza, senón ao mesmo tempo á vida sensitiva e volitiva coa que se poida vincular o pensamento.

"Un exemplo de como a pedagoxía Waldorf intenta realizar na metodoloxía docente ese principio fundamental é a introdución das letras do alfabeto. No primeiro curso non só se presenta ao neno o mero signo gráfico, chamando a atención a como hai que pronuncialo, senón que o mestre ou mestra comeza relatando unha historia na que cada neno se somerxe inmediatamente coa forza da súa imaxinación e da súa representación, mesmo se xa sabe ler. Logo debúxase na lousa unha situación extraida do relato, os nenos debúxana nos seus cadernos, e dende esa imaxe vaise destacando con algúns trazos resaltados o signo gráfico da letra que se pretende introducir.
"Máis adiante, o signo gráfico será utilizado fóra do contexto daquel debuxo, é dicir, dun xeito abstracto, pero os nenos terán entón unha relación anímico-emotiva con esa forma que lles segue sendo allea e dese modo vivencian intensamente a coherencia. Seguen co seu entendemento a transición entre a imaxe e o signo gráfico, danlle forma de xeito activo coas súas propias mans e poden aplicalo, experimentando o sentido que subxace no proceso. Por outra parte, ese proceder correspóndese coa evolución da escritura tal como tivo lugar na historia da humanidade, na que dende imaxes sensoriais concretas se foron desenvolvendo paulatinamente os símbolos abstractos.
"A miúdo adóitase obxectar que esa introdución das letras por medio de debuxos é obsoleta para os nenos que xa saben ler e escribir antes de empezar a escola. Pero aí non se ten en conta que os nenos que, por exemplo, aprenderon a escribir dos seus irmáns maiores, o fixeron puramente partindo da imitación, mentres que o neno xa maduro para a escola ten necesidade non só de facer as cousas, senón tamén de entendelas dende o seu interior. O procedemento de aprendizaxe da escritura que describimos dálle tamén esta posibilidade, e dun xeito que non só apela ás súas forzas cognitivas, senón tamén ás forzas afectivas e volitivas, de modo que o ser humano integral queda implicado na introdución das letras antes de que a actividade da escritura se afunda no mecánico."
Así podería ser explicada a existencia do burro Trotón, de Marica e Manoliño, da elefanta Papú... e de todos os personaxes dos contos que introducen as diferentes letras (e dígrafos, e grupos consónánticos...) do noso alfabeto en Chirlo Merlo. E aínda que os materiais de Chirlo Merlo naceron inspirados nas técnicas Freinet, coincide coa pedagoxía Waldorf nesta asunción do forte poder vivenciador dos contos.

Ningún comentario: