28 outubro 2010

Literatura popular infantil

Unha das fortes apostas na creación de Chirlo Merlo foi a inclusión, en cada unidade, dunha mostra máis ou menos ampla de ditos, adiviñas, rimas, cantarolas, cantigas de berce... Eramos conscientes de que este tipo de literatura infantil podía ser utilizado nos contos como un elemento fortemente motivador dos máis cativos. Tamén se contribuía así á conservación viva desta tradición nos máis pequenos, xa que corre o risco de quedar recollida en libros e antoloxías, pero sen transmisión oral dunha xeración a outra.
Seguimos a pensar que esta idea segue sendo válida, e iso móvenos a recomendarvos unha lectura demorada das Guías Didácticas e a incorporar na nosa sección de Recursos Externos unha ligazón á web Orella Pendella, que nos parece estupenda.
Que a disfrutedes!

23 outubro 2010

Escolas da emigración

"Dende o século XVII e, sobre todo, nos primeiros anos do XX, a acción solidaria dos galegos emigrados a América conseguiu crear unha rede de máis de 400 escolas coas que pretendían superar as carencias dos centros públicos que existían no país. O arquivo da Emigración Galega acaba de catalogar estes colexios, que lles ofreceron a miles de nenos a posibilidade de mellorar a súa formación para acabar co analfabetismo e facer avanzar un país empobrecido."
Así comeza o texto dunha reportaxe sobre as "escolas da emigración" que publicou o xornal Galicia Hoxe. A nós gustounos moito e consideramos oportuna a súa lectura, cando menos por parte dos profesionais da educación deste país. Tamén o asociamos a aquel lema publicado repetidamente na revista Nós: os pobos son grandes pola súa cultura.
Son razóns abondas que nos moven a contribuír desde aquí á súa divulgación. Para ler a reportaxe completa, premede aquí.