16 maio 2010

17 de maio: Uxío Novoneira e A Pita da escola de Os Prados-Cervantes-Lugo

No momento no que a rede de Galescolas pasou a chamarse A Galiña Azul, os responsables do tal cambio se cadra non percibiron que a galiña do conto de Carlos Casares era unha galiña moi especial: dicía cocorocó en vez de cacaracá, e ese era o motivo polo que a policía a tiña baixo vixilancia.
Con todo a Galiña Azul, que é un personaxe de ficíón, tivo un contrapunto absolutamente real: a Pita que comezou a poñer os seus ovos dentro dunha escola unitaria de Cervantes, nunha papeleira moi confortable para ela, ao parecer. Por ese motivo tanto os escolinos como a súa mestra acollérona en adopción, e ese foi o comezo dunha das experiencias pedagóxicas máis singulares no noso país.
Quen era a mestra desta pequena escola? Pois era Alicia López Pardo, que ademais foi quen de presentar esta experiencia real  nun libro delicioso feito en letra manuscrita e con traballos dos propios escolinos: A historia da pita que elixiu a nosa escola pra poñer.
Que tiña de especial esta Pita? Nós, a verdade, é que non saberiamos describilo con palabras. Pero Uxío Novoneira, que naquel momento non era alleo aos milagres que estaban a acontecer na escoliña de Os Ancares, plasmou o carácter da Pita nunha das primeiras páxinas da publicación, cun dos seus poemas:
A galiña dos Prados
sabe onde pór.
Libre de fados e mitos,
alle a poderes e inmediatos coidados,
non pon os ovos fritos
e só pro seu señor.
Sabe onde pór os ovos que dan pitos.
Uxío Novoneira


Ningún comentario: